Es madernista

ES “MADERNISTA”

Que é ser madernista

Existe un movemento ao que cada vez se une máis xente porque é natural, intelixente e responsable co ambiente.

Son os madernistas. Persoas con ideas moi claras. Teñen unha filosofía de vida marcada polo respecto e a conservación do ambiente grazas á súa aposta polo uso da madeira sostible certificada FSC. Un movemento social que promove a economía circular e a conservación da natureza.

Ser madernista non é outra cousa que preservar a nosa contorna con responsabilidade e agarimo. Gozando do mellor que nos agasalla a natureza ao achegar o bosque protector ao noso fogar e lugar de traballo, rodeándonos desa madeira tan sostible como saudable. E facendo que quen nos arrodea tamén se sinta parte deste movemento de amigos da boa madeira.

Ser madernista é máis sinxelo do que semella. Simplemente hai que saber apreciar todo o bo que a madeira nos ofrece, sacarlle o máximo partido e tratar de coidar os bosques por enriba de todo.

Xa es madernista. Un día paras a pensar e descobres que levas anos defendendo esta nova forma de pensar tan beneficiosa para ti e para o planeta. Non hai que facer un curso nin conseguir un diploma, só tes que sentir o que te arrodea e querer coidalo.

Por iso apostas por FSC, a certificación forestal máis fiable e rigorosa que existe no mundo. Porque para o madernista é importantísimo garantir que todos os produtos de madeira ou derivados que compras ou empregas proceden de explotacións forestais xestionadas de xeito responsable onde sempre se lle devolve ao bosque o que é do bosque.

Gústache a madeira sostible?

A madeira está presente en cada libro que lemos, na porta que nos fai sentir máis protexidos, nos xoguetes do teu bebé, na cama na que dormes e nesa reforma que con tanta ilusión fas na casa da aldea.

A madeira non só é un elemento sostible, duradeiro, tradicional e natural. Tamén é un dos materiais de construción do futuro. Pensado para estruturas máis verticais e sostibles, a eco-cidade xa é unha realidade en grandes cidades europeas. Pensar en madeira certificada FSC é achegar máis vida ao planeta.

Non che gustaría que todo isto formase parte da túa vida?

Espanta os cinco pantasmas da madeira

Pantasma número 1: A madeira quéimase

Falso. A madeira non resulta máis fráxil ou perigosa fronte ao lume que outros materiais aparentemente máis robustos como o formigón ou o aceiro. Quéimase a unha velocidade lenta a partir 400°C e é difícil que colapse de forma repentina. A capa carbonizada xera ademais unha superficie de protección da parte interna que mantén intactas as súas propiedades mecánicas durante moito máis tempo que outras estruturas.


Pantasma número 2: A madeira podrece

Falso. Elixindo ben o tipo de madeira, o seu deseño e tratamento, pode manterse libre de pragas e polo tanto durar moito tempo sen problemas. Lembra que a cidade de Venecia aséntase dende hai séculos sobre un inmenso bosque de piares de madeira somerxidos baixo a auga.


Pantasma número 3: A madeira aguanta pouco

Falso. As novas estruturas de madeira, como a contralaminada (CLT), están avaladas pola mesma normativa arquitectónica que calquera outro material construtivo, xa sexan perfís metálicos ou de ladrillo. Grazas á súa excelente relación resistencia/peso é ademais un material ideal para cubertas de grandes luces ou ampliación de edificios.


Pantasma número 4: A madeira precisa moito mantemento

Falso. Non máis que unha fachada de cemento. Por iso é tan importante saber elixir ben o tipo de madeira e o deseño das súas estruturas. A vantaxe da madeira é que cando envellece gaña en beleza en lugar de perdela, pero esa evolución non ten nada que ver cun suposto deterioro.


Pantasma número 5: A madeira é cara

Falso. A madeira ten un custo de instalación semellante ao das estruturas de formigón ou aceiro. E mesmo é o material construtivo máis rendible de todos se se ten en conta a vida do edificio, grazas ao aforro posterior que xera en custos de calefacción e refrixeración.


Pantasma número 6: É mellor non cortar árbores

Falso. Cortar árbores non destrúe o bosque se se fai ben, con cabeza, ciencia e conciencia (ambiental). Grazas aos estándares de xestión sostible promovidos por FSC, algo aparentemente tan difícil é posible. O aproveitamento responsable e ben xestionado dos recursos forestais mellora a conservación dos bosques, extrae sempre menos madeira da que se produce de xeito natural, prevén incendios e evita a despoboación en medios rurais.